Hai
novelas que unha desexa contar e outras que necesita contar.
Hai historias que se idean como ficcións
recreadoras que retratan, que recapitulan, que relembran. Outras, pola
contra, son coma un urro na noite, unha ladaíña xorda que roe os sanguimiños e
que hai que botar fóra, purgalas da medula mesma na que enquistaron,
esconxuralas.
Porque, non nos enganemos,
Dark butterfly, de
Rexina Vega,
é, antes nada, un exorcismo literario. A expulsión á luz do mundo dunha sombra
inconmensurable que habitaba o ser e a escrita desta viguesa. Neste sentido, a
novela é a pedra da paciencia que serviu á autora de propicio exvoto, unha
limpeza de kharma que deu como resultado unha narración intensa, doída e
radical.
O relato do esfarelamento da propia identidade. A
deriva autodisolutiva do individuo. Velaí o que Dark butterfly nos
achega na historia dunha moza esquizofrénica que padece sucesivos internamentos
psiquiátricos, incapaz de reconducir a súa vida fóra do sanatorio.
Importa na novela, e moito, a focalización na
narración. Ese avolto mundo interior, ese ludrio anímico no que vai
enzoufándose a protagonista chega a nós a través de retallos do seu diario, de
reproducións epistolares, de anacos de informes médicos e mesmo de
transcricións de receitas, unha polifonía invertebrada, deliberadamente
fragmentaria coa que se procura reflectir a lóxica patolóxica da enferma, un
discurso bombardeado, no que apenas se teñen en pé uns cantos esteos
estruturais que tentan revelarnos o demo interior que os esquizos afastan
creando unha arte propia, abrazando unha lingua outra (no caso que nos ocupa o
inglés, por veces tamén o latín) como máscara evasiva, como anteface co que
esquecer unha identidade doente, que se sabe derrotada e imposible.
Dende o propio título, Dark butterfly
debuxa un mesto mapa de símbolos que deseñan toda a arquitectura interior da
novela. Velaí están os mouros lepidópteros, fermosos e terribles a un tempo,
metáfora da caída, da perda dunha inocencia orixinal definitivamente alterada,
devastada; mais cómpre non esquecer tampouco o profético nome doutro dos
protagonistas, Elías; a noite de Valpurxis á que en determinada pasaxe se
alude; a transgresora viaxe de Alicia ou a xudía crucifixión, entre
moitos outros.
No medio deste auténtico descenso aos infernos da
protagonista o polo positivo aparece representado polo amor aos seres queridos
(familiares e amigos) e, tamén si, o amor ao outro, á outra, como compañeiros
da témera viaxe. É máis, a agonía da loita interior, a batalla que a psique
libra para reintegrarse á vida tan só ten sentido por ese cordón umbilical que
ata a protagonista a eses seres, asociados á plenitude da consciencia do ser
propio. O resto é noite, escuro insondable.
E diso saben abondo estas páxinas, que enfrontan
realidade e ficción, lírica e clínica. A propia autora ten confesado que
escribiu Dark butterfly nutríndose de vivencias moi próximas,
dolorosas en extremo, que a cambiaron como persoa e definen unha actitude ante
o narrado. Mais tamén hai neste libro, convenientemente posprocesada, unha ascendencia
literaria que vaporizou pasaxes e solucións, caracterizacións e parlamentos,
motivos e atmosferas.
Destarte, hai aquí ecos de lecturas que acompañan
a Rexina Vega dende sempre e outras presenzas que abeiraron nos últimos anos. A
Rosalía máis ferida e anguriada; o Ferrín que esculca nas zonas de sombra e os
mecanismos da violencia; o Kafka dos máis ocultos complexos, da ánima máis
atormentada; o Herman Hesse eternamente atribulado e problemático; e, por
suposto, o Koltés do Roberto Zucco; o Danielewski das Cartas de
Pelafina; os diarios da inmensa Pizarnik; a Sylvia Plath de A campá de
cristal; a asunción da fin próxima das misivas dun desafiuzado Hervé
Guibert; os xamáns visionarios de Volodine; e, xaora, os moitos escritos sobre
o tema de Foucault, Deleuze ou Wolfson.
Dark butterfly non é unha novela amable.
Non é un capricho literario para a tempada primavera-verán. É un mantra
descarnado, unha sima, un buraco negro que nos fai percorrer, cegos e mancados,
o gume cortante da existencia, as rexións máis abisais do (subs)consciente ata
espertar da noite das idades o peor dos inimigos: o noso reverso escuro.
É tamén unha crítica aberta á rendición da
farmacopea, a esa compracencia médica que todo o soluciona dopando os enfermos,
converténdoos en bombas químicas andantes, luxando o rego sanguíneo con mil
substancias que outro modo de entender o exercicio da curación non precisarían.
Do mesmo xeito, Dark butterfly evidencia
a fractura social, a escisión, a fenda insalvable que se abre entre as persoas
a tratamento por doenzas mentais e o resto. Ese ollar para outro lado, ese desentenderse, tamén a conmiseración
minusvaloradora, perpetuadora da exclusión.
Rexina Vega deixouse habitar. Escribiu como
escribiría un corpo aberto, permitindo que dende o seu interior falasen voces
irmás, voces que tiñan de se expresar, que querían dicir a súa verdade, berrar
a súa desesperación, explicarnos o terror da vía morta, do camiño truncado, do
final, do horror.
Aristóteles deixou dito que non existía ningún
verdadeiro xenio que non convivise con certo grao de tolemia. Talvez por iso
Poe afirmaba que a ciencia fora incapaz de demostrar aínda se a loucura é ou
non a máis sublime forma de intelixencia. Sexa como for, o que parece claro é
que Dark butterfly vai moito máis alá da confesión magoada dunha
enferma para defrontarnos coa grande cuestión da fraxilidade do ser, a
volubilidade da identidade e o asedio ao que o eu se ve sometido endo e
esoxenamente.
Dark butterfly: crónica dunha condena
ahedonística. Dark butterfly: singrar no estertor da conciencia. Dark
butterfly: extinción da luz.