11 junho 2012
EUROPA (CUARTO REICH)
Este é o tempo
no que as mulleres pregan
para que os seus irmáns
suban á superficie,
o tempo
no que á fin coñecemos
no seu rostro a pegada do carbón
(foi indigno mirar),
o tempo no que
seguimos amando
a cor do viño, e cada noite
seguimos desexando
regresar
ao noso propio corpo
e o seu corpo
está lonxe.
Este é o tempo no que
cada un de nós
quedou ollando
para as súas propias mans,
e quixo preguntar:
para que serven?
(Para que serve a chuvia?)
Iso non o sabemos. Aínda
non foi aberta a noz
do tempo. Neste outono,
no que só choverá
de cando en vez,
pero con moita
forza, como dentro do alcol,
como no desamor
do borracho de Embaixo
do volcán. (E se o libro
puidese saír de ti,
como nos falaría?).
Esas cousas importan,
como quero pensar
que aínda hai algo dentro
dos últimos poemas,
que seguimos
aquí
porque a nosa conciencia
é temporal
e porque estamos vivos
e o traballo das mans medra
na nosa mente
para poder entrar no corazón
do mundo.
maria do cebreiro